Revisando na web non temos aínda unha listaxe actualizada nin descritiva das leiras que manexamos nestes intres. Polo momento vai ficar aquí en modo de artigo no blogue. Máis adiante pasarémolo a algún lugar estático e de doada consulta. E, sobre todo, iremos actualizando o estado de cada leira con fotos.

A Listaxe
- A Montán: o primeiro lugar no que plantamos 50 castiñeiros. Era unha franxa duns 15 m de ancho por 220 m de longo, onde mercamos a franxa veciña en 2022. Aos poucos fomos mercando “franxas veciñas” e hoxe ten unha hectárea de superficie, aprox. Aquí montamos o crowdfunding en outono de 2023 que supuxo o primeiro pulo importante para o proxecto. Algo máis de 300 castiñeiros da variedade xudía (con algunha negral para polinizar polo medio), unhas 50 abeleiras e 30 pistacheiros. Por probar cousas diferentes.
- A Senra ou As Amargateiras: uns 2000 m cadrados da familia con castiñeiros plantados uns 15 anos antes, case todos cun aspecto calamitoso (chancro, abandono…). Decidimos arrincar todos (menos 3, que parecían sans) e replantar en inverno de 2024, ademais de que ampliamos outros 2000 m. En outono de 2026 imos ter a primeira colleita. Uns 100 castiñeiros da variedade longal, unhas das típicas do Riós e algún negral para favorecer a polinización.
- A Besada: unha pequena leira familiar duns 1000 m cadrados con castiñeiros plantados 15 anos antes que non producían e algo enfermos. Arrincamos todo, ampliamos a leira con compras de lindeiros ata uns 3000 m cadrados e hoxe hai uns 100 castiñeiros plantados da variedade famosa, a máis característica do Riós (e Vilardevós). Comezamos no inverno de 2023-24.
- O Cabezo: agrupamos varias leiras bastante degradadas da familia (propias, dun primo e varios tíos) ata chegar a case unha hectárea. Decidimos plantar unhas 300 concheiras (denominación nesta zona das nogueiras) da variedade Chandler, pois non atopamos variedades propias nos viveiros. E, na parte inferior e con mellor terra, un lote de 50 castiñeiros da variedade longal. Comezamos no inverno de 2023-24
- A Ribeira Abaixo: un antigo prago ao carón do río da familia, que ampliamos con arrendamentos a varios veciños ata xuntar case 2 hectáreas. Aínda que hoxe sen preparar máis cá metade da leira. Plantamos concheiras (unhas 150) con abeleiras (unhas 300) entre elas, érbedos e un lote de 50 oliveiras de variedade galegas. Porque hai que seguir probando cousas diferentes. Comezamos no inverno de 2024-25.
- As Fontenlas ou O Salgueiro: unha leira familiar duns 1000 m cadrados e unha ducia de castiñeiros duns 20 anos, que van producindo máis ou menos. Mercamos unha leira abandonada veciña e ampliamos cun par de ducias de castiñeiros da variedade martaínha, propia de Portugal. Foi no inverno de 2024-25.
- Os Rebouzos: unha franxa ben estreitiña que tiñamos abandonada na familia, duns 6 m de ancho por 200 de longo. Apostamos por un par fileiras de abeleiras.
- A Coroceira: leira a monte dun curmán que nos arrendou, na que plantamos 120 castiñeiros das variedades longal e famosa. Ardeunos nos grandes lumes de agosto de 2025, polo que decidimos replantar. Secaron un 20% na grande seca do verán de 2026, polo que decidimos replantar. E poñerlle rego.
- O Barreiro: leira arrendada a un veciño, que tiña a monte. Moi preto da aldea e convertida nunha xesteira, desbrozamos e plantamos uns 30 castiñeiros da variedade parede. Descubrimos despois que a leira pertence a 2 persoas polo que estamos agardando a que a outra nos deixa tamén plantar para ampliar. No inverno de 2025-26.
- As Mourias: leira arrendada ao curmán. Abandonada e a monte desde hai moito, con orientación sur e umbría, parece que ten moi boa terra e ideal para castiñeiros. Plantamos no inverno de 2025-25 uns 50 castiñeiros da variedade famosa.
- Outras leiras:
- A Rigueira: máis ca unha leira é un só castiñeiro familiar pero que pertence á variedade “pulida”. Nas nosas investigacións preliminares da súa xenética parece que é unha variedade que aínda non está rexistrada. E, dado que as súas castañas cocen moi ben, pelan moi ben e saben moi ben, pois ímolo mimar. E aquí temos un proxectiño moi interesante.
- O Souto: varios castiñeiros da familia con centos de anos de idade e distinto estado de conservación. Ben é certo que é un lugar no que imos intervir pouco porque parécenos todo moi delicaso. Polo momento, rozar, botar cal e, ao mellor, algo de poda de saneamento.
- A Pedreira: un soutiño duns 4000 m cadrados plantados polo pai hai uns 40 anos que chegaron a producir moito hai un par de décadas. Algo abandonado despois, estamos a rectificar as propiedade do solo, analizar a produtividade e variedade de cada castiñeiro (hai moita mestura) e xa cortamos 3 deles que estaban medio secos.
Como facemos?
Comezamos cada “leira” a partir dunha propia, normalmente abandonada. Tratamos de mercar as leiras veciñas que vemos que tamén están en estado de abandono e plantamos árbores de froito de fácil mantemento. A nosa aposta polo castiñeiro é evidente, por ser o máis normal na zona. Pero tamén outras froiteiras que non requiran de moito coidado cotiá e, tamén, que o froito sexa de doada manipulación e conservación. Aí os froitos secos teñen o maior protagonismos.
Desde 2025 decidimos reducir ao mínimo as mercas de leiras polo custe que teñen e tratar de facer arrendamentos sociais. Isto é, a persoas veciñas coas que imos tendo confianza ofrecémoslle plantar e coidar as súas leiras a cambio dunha porcentaxe do froito que se obteña, cando haxa. Así, adiamos a futuro custes que non aportan nada (posuír as leiras non nos aporta nada pois a terra non se come) e teremos eses gastos cando comece a haber ingresos.
Ah, e o nome da leira procede da micro-toponimia, é o nome do lugar onde está esa leira e as leiras veciñas. Iremos investigando as súas orixes, na medida que poidamos.

