A #LeiraAMontán é un anaco abandonado de monte que recuperamos para plantar castiñeiros (e algunhas abeleiras). Hai uns 60 anos que se deixou de cultivar, actuando a natureza ao seu xeito. Ollade cada franxa de terreo; os veciños alternaban pan e millo. No catastro aparece catalogado como “labradío de secano”. Debe ser algo así como a ovella negra das terras de cultivo. Que era o pan? Pois o centeo, na forma que teñen de chamalo aquí.
Esas tiras de terreo van de lombeiro a lombeiro, polo que no centro é máis baixa a modo de canada. De feito, nesa zona hai outro tipo de vexetación e varios castiñeiros conseguiron impoñerse a xestas e silveiras. Pero aínda sabendo que se poden plantar castiñeiros, hai información científica que podemos necesitar. Así que fixemos unha toma de mostras de terra. Mellor dito, fixemos varias. E xa temos un resultado.
Nas estreliñas amarelas collemos terra hai varias semanas. Nesa zona xa plantaramos algúns castiñeiros. O resultado podería ser algo desalentador. O pH é moi, moi baixo, a fertilidade é moi boa e os niveis de fósforo e potasio moi baixos de novo. Que facer, cortar todo e esquecerse? Non. A terra boa faise, e nós imos facer esta. Os diferentes elementos químicos son necesarios para distintos procesos internos da árbore, para a floración e para a formación do froito. Por iso é relevante que a terra teña ese alimento necesario.
Para subir o pH é sinxelo, aportaremos cal magnésica de orixe mariña. Vén sendo algo máis cara que a tradicional, pero ten unha chea de oligoelementos naturais que axudan a manter toda a micorriza e microbios bos que haxa na terra. O tema de fósforo e potasio arranxaremos cun mineral que engadiremos a cada planta na primavera. Así as choivas que veñan irán facendo que penetre no chan.
Estamos pendentes das analíticas das estreliñas azuis. Deste xeito poderemos definir subzonas na parcela e aportar o mínimo de material necesario en cada subzona, personalizando os aportes e reducindo custes.