Imos crear un souto de castiñeiros

Fermosa imaxe, verdade? Un pequeno souto de castiñeiros en inverno. Esta na leira A Pedreira, na aldea de Progo (concello de Riós, Ourense). As árbores plantáronse hai uns 40-50 anos. A nós case nos parece máis fermoso nesta época do ano, e a vós? Se entre a brétema aparecera agora un druída usando un bastón de castiñeiro pareceríanos algo do máis natural.

Pois ben, nos últimos anos, polo que todos sabemos (envellecemento, despoboamento…) as leiras comezan a ficar abandoadas e, as que teñen castiñeiros, pouco a pouco van sendo devorados por maleza e enfermidades como o chancro. Tamén é certo que no rural, as novas sobre como combatir estas enfermidades, os novos métodos de selvicultura, a escolla de plantas para as plantacións… chegan polas canles non oficiais. O que comentan os veciños entre si, na barra do bar e cando hai algunha xornada formativa (a que apenas vai xente).

Pensamos que os castiñeiros son un tesouro e, por iso, imos plantar un souto. Desde cero. E poderás acompañarnos neste proceso de varios xeitos. E, non, non imos tardar 50 anos en ver resultados, pero o souto vai ficar aí cando pasen 50 anos, e 75, e 100.

Por certo, o aspecto do mesmo souto no verán. Outra fermosura da natureza.

Comparte

Deixa un comentario

Tamén che poden interesar