Na Montán comezou todo

Nesta leira comezou todo. Unha leira familiar, de toda a vida, ficou abandonada nos anos 60 do século pasado. Co tempo, no medio comezou a se erguer un castiñeiro desafiando a compentencia de xestas e silvas. Hai uns 20 anos foi enxertado coa axuda duns veciños. Para acceder a el, se facía por unha leira ao norte que estaba limpa e traballada. Pouco a pouco, a fouce e fouce limpouse o seu contorno para poder apañarlle as castañas.

A leira, cuns mil metros cadrados de superficie aproximadamente, ten algo máis de 200 m de longo e uns 15 na cabeceira. Facer algo aí era de tolos. Todas as leiras da zona, agás a 207, estaban abandonadas e a monte. E xurdiu a oportunidade de mercar a 210. E mercamos. E o ía ser de tolos xa parecía menos, porque o veciño do sur deunos permiso para desbrozar o lindeiro común e, así, diminuír mantemento futuro.

Un inverno para pasar diferentes máquinas: desbroce, eliminación de árbores que naceran, laboreo fondo con vertedeira, arado, gradeado e realización de buratos de plantación con retroexcavadora. En marzo de 2023 plantamos 50 castiñeiros. Abrollaron 49 castiñeiros. E decidimos dar un salto adiante.

Comezamos a explora a posibilidade de ir mercando as leiras abandonadas ao sur. Ao norte topamos coa realidade do rural. E así fomos mercando varias: a 213 maila 217 á mesma persoa. Unha veciña que residía noutra aldea pero que estaba encantada de axudar a que non se perdera a leira por un prezo razoable. A 215 á muller dun compañeiro de tute que tamén foron todo facilidades. Parecía que todo marchaba ben.

Ofrecéronnos a 219, máis o sur. Ata aí queriamos chegar pois máis alá xa hai un pequeno souto de castiñeiros, coidado polos donos, e non tiñamos o perigo de que trala limpeza das nosas leiras as silvas e toxos volveran entrar. Todo ben ata o de aquí.

Todo ben ata aquí? Polo medio había dúas leiras que se puñan difíciles e facían imposible crear un proxecto viable. Pero a máis grande ofreceunos trocar esta leira por outra da familia noutra zona, que nós non pensabamos facer nada con ela. Era mellor terra, unha pequena pradería, pero o noso proxecto vai en plantar árbores. Así que a 212 estaba ao noso alcance.

A pequena do medio, a 214, moito máis difícil. Varios irmaos e todos maiores, algún desaparecido no estranxeiro hai moito tempo. Difícil negociación ata que lles explicamos que quedaban no medio. Ofrérennos botalos para unha beira. Así que problema “resolto”. Nace o proxecto da Leira A Montán. Nela, continuaremos a plantar castiñeiros da especie xudía ou portuguesa nun marco estreito de plantación. A intención é instalar un rego por goteo e, na cabeceira, incluír outras especies que deseñen unha entrada fermosa e variada. Tamén deixamos polo medio algunha especie silvestre que ten bo porte: algunha cerdeira e carballo. Convén ter espazos de sombra para cando traballemos no verán. E hai zonas con moita pendente e estas árbores axudan a manter a terra no sitio.

E si, seguimos a investigar sobre o resto dos lindeiros para conseguir ampliar a leira ata o seu tamaño definitivo. Ao oeste quedaría un pequeno val cun fermoso bosque de carballos, amieiros e chopos. Ao leste os camiños de acceso. No medio, unha leira duns veciños que teñen castiñeiros de diferente porte e que están encantados con que pequemos toda a leira por xunto, evitando así a entrada de fauna salvaxe que dane as plantas. Ao norte unha pradería e ao sur varias leiras de castiñeiros bastante ben coidados. Pero será para o ano 2024.

Comparte

Deixa un comentario

Tamén che poden interesar

As Leiras

Revisando na web non temos aínda unha listaxe actualizada nin descritiva das leiras que manexamos nestes intres. Polo momento vai

Ver máis »