Se hai que aprender, apréndese

Mandamos ao Site á escola. El leva plantando castiñeiros toda a vida, coma nós. Pero a súa vida é máis ampla ca nosa polo que a súa experiencia é maior. Por iso, cada vez que hai unha ocasión para aprender nós apuntámonos.

Desta volta, non podïamos asistir; estabamos de viaxe algo especial. Así que dixémosllo ao Site. Eran 2 días, un de charlas e outro de excursión de campo. E o Site foi. E foi encantado. E volveu. E o Site volveu máis encantado aínda.

Aprender, aprendeu moitísimo. Coñeceu xente boa, compartiu ideas con veciños, viu experiencias ao redor da castaña e do cultivo do castiñeiro e abriu a mente. Na excursión tirou moitas fotos. Nunha explotación do Bierzo fixo unha auténtica publirreportaxe. De feito, enviounos 4 imaxes polo noso chat, mentres nós andabamos polo mundo adiante. Nas 4 fotos aparecen uns castiñeiros fermosos, altos, ben formados, cunha man de castañas e… rego por goteo. Hai un ano comezamos a comentarllo. Primeiro a el. Despois aos veciños. A xente xa sabedes, é moi educadiña e non che di o que pensa, que “estamos tolos”. Iso de regar os castiñeiros, máis alá dos primeiros anos para que arraiguen, non se ve nin se leva. Ah, e os castiñeiros das fotos tiñan só 5 anos, e xa producían. Se o Site non o ve non o cre. Porque a nós non nos cría cando lle diciamos que, os nosos, producirán a partires do 4-5 ano.

Levamos anos explorando, aprendendo, consultando, buscando na web, preguntando cada vez que atopamos a un forestal ou agrónomo, xente do mundo do castiñeiro ou allea a el. Fomos reformulando a idea de “Leiras de Progo” ata o seu deseño actual. Aínda así, seguro que faremos máis melloras e cambios do proxecto.

Todas estas ideas comentabámolas co Site. As máis das veces opinaba, para ben ou para “non o vexo”, “iso non fai falla”, “ninguén fai así”. As máis das veces calaba e sorría para dentro; ou de esguello.

  • mercar parceliñas para ampliar a leira familiar e que compense plantar algo
  • analizar a terra en laboratorio
  • esa terra é mala, aí nunca houbo castiñeiros: pois haberá que facela boa, non temos outra
  • instalaremos rego por goteo
  • plantaremos castiñeiros en marco máis estreito (5×6) do que recomenda a Xunta
  • non imos arar todos os anos
  • deixaremos que medre a cobertura vexetal…

Ata de hoxe. O Site, desta volta, veu que todo o que nós estabamos a planificar é o que se fai por aí fóra. E, segundo nos contaba o que aprendeu, facíao sorrindo. Pero desta vez non sorría para dentro nin de esguello. Era un sorriso de orgullo.

Comparte

Deixa un comentario

Tamén che poden interesar